Escultura do Renacemento italiano

Michelangelo: David, 1501-1504. Galleria dell'Accademia, Florencia.

A escultura do Renacemento italiano comprende o período aproximado entre fins do século XIV e o inicio do XVI, cando a escultura italiana expresou unha reacción contra os principios estéticos do Gótico e, asimilando a influencia da arte da Antigüidade clásica, do humanismo e do racionalismo, desenvolveu un estilo que fundiu elementos naturalistas e outros idealistas. Despois de ensaios preliminares en Pisa, Siena e outras cidades do centro-norte italiano, o estilo renacentista apareceu nitidamente primeiro en Florencia. Algúns autores sinalan o inicio "oficial" do Renacemento en 1401, data en que foi realizado en Florencia un concurso público para a creación das portas en bronce do Baptisterio de San Xoán; outros apuntan 1408, cando foi encomendado a Donatello e Nanni di Banco un grupo de esculturas de santos para a fachada da Basílica de Santa María del Fiore. Sexa como for, foi a escultura a arte en que primeiro se observou a adopción dunha nova estética, e foi unha das artes máis representativas do Renacemento italiano.

As principais características da escultura renacentista italiana foron a súa definición como unha das formas de adquisición de coñecemento e como un instrumento de educación ética do pobo, e a súa preocupación de integrar a oposición entre o interese pola observación directa da Natureza e os conceptos estéticos idealistas desenvolvidos polo humanismo. Nunha época en que o home foi colocado no centro do universo, a súa representación asumiu tamén un papel central, coa consecuencia de facer florecer os xéneros da nudez artística e do retrato, que desde o fin do Imperio Romano caeran no esquecemento. Tamén foi retomada a temática mitolóxica, foi estabelecido un corpo de teoría para lexitimar e orientar a arte do período, e foi enfatizada a estreita asociación entre coñecemento teórico e unha rigorosa disciplina de traballo práctico como a ferramenta indispensábel para a creación dunha obra de arte cualificada. A escultura do Renacemento italiano nas súas tres primeiras fases foi dominada pola influencia da escola da Toscana, cuxo foco era Florencia, entón o maior centro cultural italiano e unha referencia para todo o continente europeo. A fase final foi conducida por Roma, na época engarzada nun proxecto de afirmación da universalidade da autoridade do papado como o herdeiro tanto de San Pedro como do Imperio Romano.

Para fins prácticos este estudo abrangue até o ano de 1527, cando despois dunha serie de invasións da Italia por españois (da Coroa de Aragón), franceses e alemáns, a cidade de Roma foi brutalmente saqueada polas tropas do Sacro Imperio. A mudanza de equilibrio político no panorama europeo que eses eventos deron orixe, xunto cunha drástica caí­da no optimismo, no racionalismo e na liberalidade artística que caracterizaron a cultura local, e máis o impacto perturbador da Reforma Protestante na atmosfera relixiosa, quebrando a unidade do Cristianismo, xustifican limitar naquela data o movemento renacentista italiano, aí­nda que algúns autores o estendan até o inicio do século XVII. Porén, xa é unha opinión corrente entre os estudosos, consagrada polos editores da Encyclopaedia Britannica, que esta última fase, cuxo reflexo nas artes se chamou manierismo, debe ser descrita de forma independente, por ser en moitos puntos distinta dos valores máis comunmente asociados co Renacemento.


© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search